El Corte Inglés integra na súa aplicación móbil o pago do estacionamento sen pasar polo caixeiro

mércores, 10 de febreiro do 2021 S. P.

El Corte Inglés vai ampliar as posibilidades da súa aplicación móbil cunha funcionalidade para facer o pago do estacionamento sen termos que pasar antes polo caixeiro. O novo servizo permitirá recoñecer matrículas, abrir a barreira de forma automática ao entrar e ao saír, e, unha vez rematada a nosa estadía no centro comercial, cobrar o parking de forma automática sen necesidade de pasarmos polo caixeiro. A partir do 15 de febreiro a iniciativa estará habilitada nas sedes de El Corte Inglés en A Coruña e Vigo.
“Este novo servizo da app”, explican fontes da empresa, “redundará na comodidade do usuario e a optimización do seu tempo, xa que se estima que se empregan algo menos de 5 minutos durante todo o proceso de pago no caixeiro dun estacionamento”.
Tamén engade que poderemos engadir á aplicación as matrículas dos vehículos que utilicemos, o que nos permitirá aproveitar estas vantaxes cando acudamos ao centro con outro coche. O pago realizarase a través do cartón de El Corte Inglés e proximamente incorporaranse outras tarxetas bancarias.
Amais, a ferramenta irá engadindo progresivamente novas funcionalidades. Entre elas, recibir unha notificación co inicio do tempo de aparcadoiro, consultar o tempo transcorrido e un resumo cos datos clave (tempo, custo e se se aplicaron bonificacións durante a nosa estadía no centro comercial). As novas actualizacións facilitarán ademais a localización dos vehículos, xa que permitirán incorporar unha foto para lembrar a praza na que estacionamos.

PUBLICIDADE