El Ministerio del Tiempo estrea episodio en realidade virtual

martes, 5 de abril do 2016 Marcus Fernández

A serie de televisión El Ministerio del Tiempo estreou onte “o primeiro episodio de realidade virtual interactivo dunha serie de televisión no mundo” permitindo que os seus seareiros puidesen sentirse protagonistas da serie mediante unha experiencia inmersiva na que durante uns 10 minutos poden gozar unha especie de videoxogo baseando en vídeo en 360 graos que pode vivirse valéndose da aplicación para Android ou para iPhone desta iniciativa.
Aínda que os contidos poden verse en 2D, se queremos unha experiencia realmente inmersiva debemos introducir o smartphone nun cartón de Google ou outro accesorio que permite gozar de xeito estereoscópico os contidos do móbil (como as Samsung Gear) e deste xeito podemos explorar os escenarios nos que transcorre a acción movendo a nosa cabeza en calquera dirección, conseguindo introducir ao espectador na historia, aínda que dun xeito moi rudimentario e moi pouco natural.
Para poder gravar os contidos para o seu goce virtual empregáronse unha gravación estereoscópica en 8K, integrando tamén escenarios xerados por ordenador (para, por exemplo, recrear teitos ou bóvedas que non se poden ver nunca na ficción televisiva).
Estamos ante unha peza máis da estratexia transmedia desta produción, que tamén conta co podcast Tiempo de Valientes, o programa web La Puerta del Tiempo, unha canle en Telegram, un grupo de bolseiros en WhatsApp e unha intranet do Ministerio con contidos exclusivos.

Fragmento inicial do primeiro episodio en realidade virtual de El Ministerio del Tiempo

PUBLICIDADE