El País levanta un muro de pagamento na súa páxina web

luns, 2 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Aínda que levamos co ruxerruxe de que os xornais españois estarían a coordinarse para levantar simultaneamente muros de pagamento nas súas páxinas web durante varios anos, non parece que iso vaia ser así, e cada cabeceira estaría a operar de xeito independente, sorprendendo en boa medida que sexa o diario El País o que aposte antes que moitos outros a mudar de modelo de negocio na Internet, xa que a finais de 2002 xa ousara converterse nun medio dixital de pagamento para ter que recuar un par de anos despois para atopar un escenario moi contrario aos seus intereses (as subscricións de pagamento non compensaron a caída da publicidade, e o período en pechado favoreceu o crecemento dos competidores).
El País asegura que para garantir o seu futuro periodístico inicia en marzo unha estratexia de subscricións na Internet sobre a súa comunidade máis fiel. Dado que en 2019 El País ingresou máis por publicidade na súa páxina web que na súa edición impresa, resulta evidente que a opción a tomar non podería ser un peche total ao público de balde, de xeito que os lectores poderán acceder a 10 artigos ao mes de balde, e cando superen tal límite instaráselles a subscribir por 10 euros/mes para poder acceder libremente ao diario dixital (o primeiro mes cobrarán só 1 euro, sen compromiso de permanencia).
Algúns artigos tamén precisarán de rexistro (de balde) para o seu acceso. No caso dos subscritores actuais da edición impresa non será preciso de ningún desembolso adicional.
Queda agora por ver se esta arriscada estratexia pode callar na sociedade española, pouco afeita a pagar por contidos informativos en liña, especialmente por terse realizado nun momento tan tardío, no que existen competidores con modelos de negocio alternativos que poderían converterse nos principais referentes informativos se os medios impresos poñen atrancos ao acceso aos seus contidos.

PUBLICIDADE