Electronic Arts ofrece varios dos seus grandes xogos nun Humble Bundle

mércores, 14 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Dead Space 3 é un dos grandes xogos incluídos neste Humble Bundle

Cada dúas semanas The Humble Bundle recompila xogos en lotes que comercialízanse dun xeito curioso, pois permite que os propios clientes decidan o seu prezo, repartindo os cartos entre a organización, os desenvolvedores e a calidade, sorprendendo de cando en vez ofrecendo títulos que, en vez de pertencer a creadores independentes, corresponden a grandes estudos, como hoxe, cando se estrea o The Humble Origin Bundle, un paquete de xogos de Electronic Arts que poden adquirirse para a súa descarga a través de Origin (aínda que a meirande parte tamén están dispoñibles en Steam) e que prometen bater todas as marcas de vendas desta iniciativa.

Burnout Paradise é un dos poucos xogos do The Humble Origin Bundle que non é un shooter

Se pagamos a partir de 1 dólar podemos facernos con xogos para Windows de grande calidade como Dead Space 3, Dead Space, Crysis 2 Maximum Edition, Burnout Paradise: The Ultimate Box, Medal of Honor e Mirror’s Edge; e se superamos a media da cantidade pagada (4,54 dólares ao escribir estas liñas) podemos facernos tamén con Battlefield 3 e Los Sims 3 (incluíndo tamén os 2 contidos descargables do seu Starter Pack e a versión para OS X do xogo).

Mirror’s Edge innovou ao estrarse como un xogo de plataformas en primeira persoa

Desta volta, as organizacións caritativas que veranse beneficiadas da campaña serán Human Rights Campaign, Watsi, a Fundación anti-SIDA de San Francisco, a Cruz Vermella e a Sociedade Americana do Cancro, destacando o feito de que Electronic Arts rexeita cobrar polas vendas que se realicen durante as vindeiras 2 semanas.
Estamos ante unha recompilación de títulos AAA entre os que predominan os xogos de acción, podendo destacarse que, para chegar a un público máis amplo, tamén inclúe o xogo arcade de carreiras Burnout Paradise e Los Sims 3. O lote, valorado en 215 dólares, tamén inclúe as bandas sonoras de Battlefield 3 e Los Sims 3.


Vídeo promocional do The Humble Origin Bundle

PUBLICIDADE