Ellasdenuncian.com cumpre un ano de vida con máis de 1.000 usuarias

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Juan Merodio, fundador da web, recibindo un premio da Universidade Europea de Madrid

A Rede ten un aquel de idoneidade para quen estea nunha situación complicada en termos de parella e queira procurar apoio, recursos, persoas que estean a pasar polo mesmo e, sobre todo, unha vía de escape. Así o demostran os bos resultados de webs como Ellasdenuncian.com, espazo que vén de enumerar os logros acadados ao longo do seu primeiro ano de vida e que, como o seu propio nome indica, encamíñase a achegarlles acubillo dixital ás mulleres maltratadas. O portal, xurdido en xaneiro de 2009 para loitar contra a violencia de xénero, conta a día de hoxe con máis de un milleiro de usuarias rexistradas e unha bagaxe de 6.000 mensaxes xeradas ao seu abeiro. A web, que non ten arela de lucro, foi obxecto recentemente dun galardón de mans da Universidade Europea de Madrid (UEM), que salientou o seu labor de mocidade comprometida co desenvolvemento social das súas comunidades.
Por certo que este premio, indica o equipo responsable de Ellasdenuncian, vailles servir de axuda para recibir a formación axeitada para cubrir as súas necesidades de medre, innovación e desenvolvemento, amais de favorecer un contacto máis directo coas ONGs e coas empresas potencialmente interesadas en colaborar coa iniciativa.
Ao longo destes doce meses”, indica o equipo da web, “a páxina recibiu moitas visitas e foi testemuña do medre de moitas das súas seccións, algunhas delas por propia petición das usuarias”. É o caso do apartado con formato de foro Axuda coa túa experiencia, onde as internautas envorcan os seus esforzos en axudar e apoiar a outras que se atopan nunha situación complicada de maltrato, sinala Juan Antonio Merodio, fundador da plataforma. Outra das seccións que obtivo e obtén especial seguimento é Consultas xurídicas, onde unha avogada asesora de balde a toda persoa que o solicite sobre os pasos a dar en caso de querer denunciar un caso de maltrato, entre outros aspectos legais.

PUBLICIDADE