Elmuelle recibe un recoñecemento á calidade da súa xestión

venres, 27 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

A firma galega Elmuelle, con sede na Pobra do Caramiñal (A Coruña), vén de recibir a certificación de calidade ISO 9001:2000 de mans da empresa Applus+, especializada precisamente na achega deste tipo de recoñecementos orientados a acreditar, perante compañías, institucións e cidadanía, as mellores garantías de xestión empresarial. A certificación, aplicable a todos os departamentos da firma galega con base tecnolóxica, supón en palabras dos responsables de Elmuelle “un novo reto na calidade e na xestión dos servizos ofrecidos”. A entrega oficial do aval celebrouse este venres 27 no local da empresa, acudindo ao acto membros da firma certificadora (Ana San Román) e do propio Concello da Pobra (o alcalde Isaac Maceiras).
Como dixemos, a acreditación supón un pulo integral a todas as áreas nas que está a desenvolver o seu labor Elmuelle: deseño de páxinas web (o aval certifica a aplicación correcta dos parámetros de deseño ou da optimización dos diferentes sitios en liña, amais das tarefas de seguimento), soporte técnico (a ISO 9001 tamén recoñece a calidade na atención tecnolóxica a outras empresas) e servizos en liña (a acreditación sinala unha mellora constante no aloxamento de páxinas web e o valor das novas ferramentas postas en xogo, como a plataforma TPV para cobro con tarxeta de crédito que desenvolveu recentemente Elmuelle).
Amais de todo isto, o aval tamén supón unha garantía para a cuarta gran liña de traballo da empresa a academia informática, dende a que se levan a cabo todo tipo de actividades formativas para a comarca do Barbanza e a súa contorna.

PUBLICIDADE