Elogia fortalece os seus eidos de vendas e estratexia con novos nomeamentos

martes, 30 de xullo do 2013 Redacción

Elogia recibiu un premio na última edición do MexilOnseTuits

A axencia de mercadotecnia online Elogia vén de mover ficha a nivel interno para reforzar a súa área comercial e máis o eido de estratexia de mercadotecnia dixital. Deste xeito, informa a empresa con sede en Vigo, Ramon Montanera, antigo responsábel de Investigación de Mercados en Panrico e até o de agora director da área de Market Intelligence de Eloxia, pasa a liderar tamén o equipo de Novo Negocio da empresa, cun departamento de 8 comerciais ao seu cargo, repartidos entre as oficinas da axencia en Madrid, Barcelona e a cidade de Vigo. A maiores, blíndase o ámbito de estratexia co nomeamento de Mónica Casal (executiva de longo percorrido en países como Reino Unido e México) como CSO (Chief Strategy Officer) de Elogia.
Para o galego Rubén Ferreiro, xefe executivo de Elogia, estes cambios “afinan e melloran a nosa orientación ao marketing para comercio electrónico, na que estamos inmersos desde mediados de 2012”. Na súa opinión, “Ramon Montanera é un profesional de moi ampla experiencia en cliente final, que coñece as súas necesidades non só de marca senón de negocio, mentres que Mónica Casal ten un talento natural para marcar estratexias e conta cunha contrastada experiencia: ambos supoñen unha mostra da nosa decidida aposta por liderar o mercado nacional de marketing para comercio electrónico”.

PUBLICIDADE