Elogia gaña o Premio Especial de eAwards México 2014

venres, 20 de xuño do 2014 Redacción

A axencia de mercadotecnia para comercio electrónico Elogia, que ten unha das súas sedes principais en Vigo, foi galardoada este mércores 18 de xuño co Premio Especial que outorga o eShow México nos eAwards México 2014. Este recoñecemento, informa a empresa que dirixe o galego Rubén Ferreiro, distingue a traxectoria de 13 anos de Elogia no mercado da mercadotecnia dixital mexicano (15 anos en España), “o seu esforzo por proxectar o comercio electrónico na sociedade mexicana e o seu bo traballo cos seus clientes actuais”.
O premio foi entregado por Agustín Torres, director de The eShow México, e recolleito por Rubén Ferreiro, CEO da axencia Elogia, quen agradeceu o galardón e sinalou que este “supón un recoñecemento ao noso traballo e un impulso máis á nosa firme aposta polo mercado mexicano”.
Lembrar que a axencia ten oficina en México desde 2001, onde arrincou cun negocio de mercadotecnia dixital até evolucionar ao actual modelo de axencia. Na actualidade conta con máis de 20 profesionais traballando en Cidade de México e os seus plans son medrar “en porcentaxes de dous díxitos cada ano nos vindeiros exercicios”, asegurou Ferreiro.

PUBLICIDADE