Elogia presentará o seu novo servizo de marketing móbil en Barcelona

martes, 24 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa Elogia, con sede en Vigo, vai presentar en Barcelona o seu novo servizo dirixido a facerlles a vida máis doada aos equipos de traballo especializados nas novas estratexias tecnolóxicas de promoción e publicidade. Falamos de eMMa, plataforma que integra, baixo un mesmo acubillo, labores ligadas á mobilidade e ao marketing dunha empresa, dous termos, en virtude do espallamento xeneralizado de trebellos intelixentes, cada vez máis interrelacionados. Segundo apunta Elogia, que dará a coñecer o produto o vindeiro 8 de maio, a partir das 10.00 horas, no Hotel Silken Ramblas, as principais características de eMMa son a súa sinxeleza, a súa capacidade para dialogar e, tamén, a súa intelixencia.
A plataforma, que recolle as siglas Elogia Mobile Marketing Analytics, foi presentada en Madrid hai uns días por Antonio Sánchez, director do departamento de publicidade ligado ás novas posibilidades que ofrecen os devanditos trebellos. Sánchez repetirá en Barcelona, acompañado de Pilar Gallo (xefa de contas de Google, quen desvelará a actual situación do marketing móbil), Roberta Zurfo (marketing manager de Groupalia) e David Baratech (CEO de Ulabox).
Segundo fixo saber Antonio Sánchez na devandita cita de Madrid, trátase dun recurso específico que lle vai permitir a calquera firma crear o seu propio evento e dar forma ao seu propio tracking, deseñándoo á súa medida en función das súas necesidades. Isto significa, dixo, que teremos control total sobre as nosas aplicacións en teléfonos intelixentes, dándonos marxe para xestionar campañas, afianzar ligazóns cos clientes e usuarios móbiles ao tempo que os coñecemos mellor e temos un contacto directo.

PUBLICIDADE