Elogia sinala o crecente interese que suscitan entre os internautas os outlets en liña

venres, 20 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A axencia de promoción en liña Elogia vén de presentar un estudo encamiñado a achegar coñecemento útil sobre hábitos de consumo entre os internautas e máis sobre a súa relación cos portais de venda colectiva e os outlets en liña, tamén coñecidos como flash sales sites. Este informe, presentado de xeito conxunto con IAB Spain, achega entre outros datos de interese o crecente peso que están a adquirir entre a comunidade internauta páxinas como Atrápalo, Groupon, LetsBouns ou Buyvip, sobre todo pola súa aposta por servizos e produtos de alta gama e a uns prezos por debaixo do seu custe habitual.
Segundo fai saber a firma Elogia, empresa con sede en Vigo, a confianza neste tipo de sitios, máis a permanencia deles na nosa memoria, varía en función do seu uso. Deste xeito, o internauta medio lembra os webs de xeito espontáneo e os divide a raíz da súa especialización. Isto quere dicir que “inflúe máis no usuario o tipo de produto en venda que atope no mesmo cá complexidade do proceso de peche da compra”, sinálase no informe. Asemade, os internautas confían máis en aqueles sitios máis antigos que nos novos servizos con ofertas sobre o papel máis atractivas. O internauta que emprega estes servizos accede a eles, nun 44% dos casos, a través de boletíns de ofertas que lle chegan ao correo electrónico.
A partir dos hábitos de compra, engade Elogia, o estudo cataloga aos internautas que tiran partido destes servizos en tres tipoloxías: o usuario cazador de prezos, o usuario que busca confianza no sitio e o usuario práctico-exclusivo. En base a isto, Atrápalo é o portal mellor situado á hora de ofrecer procuras de ofertas de lecer e actividades, Privalia e Buyvip como especialistas en moda e un nivel de confianza algo menor e Groupon e Groupalia como portais de compra colectiva cun nivel de confianza por debaixo da media.

PUBLICIDADE