Elon Musk quere rachar o acordo de compra de Twitter

venres, 8 de xullo do 2022 Marcus Fernández

No mes de abril Elon Musk acordou a compra da totalidade das participacións de Twitter por 54,20 dólares en efectivo por acción, nunha operación valorada aproximadamente en 44 mil millóns de dólares, o que permitiría sacar a compañía do mercado bolsista, o que daríalle maior liberdade para poder realizar certos cambios que considera imprescindibles Musk para garantir a prosperidade da empresa.
Pero nos últimos meses non pararon as comunicacións públicas de Musk que deixaban entrever as súas dificultades para conseguir os cartos en efectivo, así como a perda de interese pola operación, empregando como desculpa a falta de rigor por parte de Twitter á hora de medir o seu volume de usuarios falsos (bots).
Finalmente os avogados de Musk presentaron un documento no que acusan a Twitter de falsear a información da empresa, buscando así que o fundador de Tesla non teña que pagar unha indemnización de 1.000 millóns de dólares por non cumprir co acordado. Paralelamente dende o cadro de dirección de Twitter manifestan a súa intención de que se respecte o acordo de compra contraído por Musk, e recorrerán aos xulgados para perseguir tal meta.
The Financial Times chega a describir que dende Twitter están dispostos a «ir á guerra» para pechar o acordo de adquisición por parte de Musk, quedando agora no aire se ambas partes conseguirán chegar a un novo acordo amigable ou terán que rematar resolvendo as discrepancias nos xulgados.
Esta situación non favorece a Twitter, pois de non completarse a súa adquisición quedaría nunha posición bastante mala de cara a futuros compradores ou para atraer investimentos externos, xa que as dúbidas sobre o seu negocio están a exporse dun xeito excesivamente público.

PUBLICIDADE