EmpregaTIC mellorará as opcións laborais de 15 mozas e mozos de Lugo

luns, 13 de xuño do 2016 Redacción

O Concello de Lugo anunciou os días pasados unha iniciativa para mellorar a empregabilidade local a través da formación avanzada en novas tecnoloxías da información. A actividade EmpregaTIC foi dada a coñecer pola concelleira de Economía e Emprego, Ana Prieto, que incidiu en que se trata dun obradoiro que arrincará este verán, “entre os meses de agosto e setembro”, e terá unha duración de medio ano. O curso, que foi concedido pola Xunta ao Concello, “abrirá novas oportunidades laborais a 15 mozos e mozas lucenses menores de 30 anos no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”, sinalou a concelleira.
O obradoiro contará coa presenza dun director e dous profesores, que se ocuparán da formación aos alumnos-traballadores. Estes repartiranse en dous módulos: oito en xestión de mercadotecnia e comunicación e sete en desenvolvemento de produtos multimedia.
Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade.
Prieto dixo que EmpregaTIC cumprirá un obxectivo duplo. Por unha banda, mellorar as posibilidades de inserción laboral da mocidade, “especialmente afectada polo paro”, facendo fincapé no nicho de emprego TIC, “un sector que no 2013 deu traballo a preto de 1,6 millóns de persoas en España de forma directa e indirecta”, sinalou. Por outra banda, “pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico de Lugo”.
A actividade, engadiu, servirá para “pechar a cadea de valor xerada nos catro talleres de emprego anteriores que financiou a Xunta -Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs, Urbs Lvcvs e Cultur@Lvcvs-, culminando ese traballo de documentación, dixitalización e catalogación “coa posta a disposición de todo o material a través das TIC e dos instrumentos de comunicación actuais á toda a cidadanía, turistas, investigadores, profesores ou estudantes”, explicou a Concelleira.
Entre as actuacións previstas figuran o deseño e activación dun portal web ou aplicación móbil, vídeos, infografías, un blog, plans de comunicación en medios de comunicación e redes sociais, análise do posicionamento doutros proxectos de promoción turística, detección de necesidades e definición de obxectivos e xestión de material audiovisual.

PUBLICIDADE