EmpregaTIC xa ten bases de seu e data de comezo: o 26 de setembro

martes, 2 de agosto do 2016 Redacción

A iniciativa EmpregaTIC do Concello de Lugo, que adiantamos os días pasados dende Código Cero (para dar conta dos seus obxectivos de favorecer a empregabilidade de mozas e mozos a través das novas tecnoloxías), xa ten abertas as portas para presentarmos a nosa solicitude de participación. De maneira complementaria, o Concello publicou na súa web as bases deste obradoiro de emprego: os requirimentos e pautas que rexerán a selección dos 15 alumnos que se beneficiarán do programa, e tamén, dos monitores e do administrador.
Todas as persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás sedes da Oficina de Emprego (contando previamente coa inscrición no Plan de Garantía Xuvenil). Segundo informa o Concello, as/os candidatas/os propostos pola Oficina serán convocados á selección propiamente dita os días 30 e 31 de agosto no CEI-Nodus.
O obradoiro, que arrincará o 26 de setembro, busca pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses.
EmpregaTIC artéllase en dous módulos: Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de mercadotecnia, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.
O orzamento para o obradoiro é de 130.800 euros (subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria).

PUBLICIDADE