Empresas catalás de informática, en contra do canon dixital

venres, 17 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A causa contra o canon dixital, tan de actualidade por mor da elección dunha ministra de Cultura (Ángeles González-Sinde) que probablemente o endureza aínda máis, xa ten un novo apoio: o da Associació d’’Empreses d’’Informàtica i Tecnologies de la Comunicació (Aseitec), colectivo de informáticos que reclama con esta medida que as empresas do sector fiquen excluídas do pago da devandita taxa, encamiñada como todos sabemos a compensar ao colectivo de artistas pola copia privada. A xuízo desta entidade, non é xusto que teña que abonar canon algún a plataformas como a SGAE (unha das principais defensoras do canon) por uns labores de reprodución dixital que non teñen nada que ver coa copia de cancións ou películas, senón máis ben con sentencias, balances, informes variados e documentación propia.
Segundo conta El Periódico de Catalunya, os informáticos que se veñen de adherir á causa contra a compensación por copia, cifran en 100 millóns de euros o gasto anual que terán que asumir este ano as firmas catalás en virtude deste concepto. “As empresas non empregan os discos duros externos nin os CDs nin os lápises USB para copiar música, senón para dar acubillo á súa afirmación”, declarou ao devandito xornal Xavier Martín, vicepresidente da asociación de informáticos.

PUBLICIDADE