En Ferrol remata con éxito o programa municipal para combater con tecnoloxías a soidade dos maiores

xoves, 27 de maio do 2021 S. P.

O Concello de Ferrol anunciou o remate do seu programa de Estimulación Cognitiva para rematar coa soidade das persoas maiores, agravada pola pandemia, botando man das novas ferramentas da información e a comunicación. A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, apuntou que o plan comezou con 24 usuarios da residencia de Caranza e rematou con preto de 35 como consecuencia “dos bos resultados” entre os beneficiarios. Anunciou tamén que o Concello segue a traballar en actividades análogas que serán activadas en datas vindeiras.
O programa Estimulación Cognitiva comezou a súa andaina a finais do pasado ano para mellorar o lecer e a comunicación dos maiores ante as limitacións e as restricións impostas pola COVID-19, tal e como explicou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. A iniciativa, que comezou como experiencia piloto, contemplou formación no manexo do móbil, da tableta e da aplicación Alexa. Inicialmente inscribíronse 24 residentes e rematou con preto de 35 “tras observar os residentes os bos resultados nos seus compañeiros”, explicou a concelleira
Unha psicóloga experta en xerontoloxía foi a encargada de impartir o programa municipal, que conseguiu aumentar a autonomía das e dos participantes no manexo das tecnoloxías en canto á recepción e emisión de chamadas, o cambio do volume e melodías, o uso do Whatsapp e incluso o manexo de aplicacións sobre hábitos saudábeis ou para ler libros.
En canto ao aprendizaxe no uso das tabletas, as responsábeis do programa comprobaron que os usuarios adquiriron habilidades no uso do Skype e de outras aplicacións destinadas a mellorar hábitos saudables e a estimular as funcións cognitivas.

PUBLICIDADE