En dous anos, os LED substituirán ás tradicionais lámpadas

luns, 6 de novembro do 2006 Raquel Noya

Ó longo dos últimos anos fómoslle dicindo adeus a aparellos tan tradicionais como o tocadiscos, o walkman, a máquina de escribir... e a unha infinidade de obxectos que foron sendo substituídos por outros novos con mellores características e rendibilidades, ou con outras calidades que fixeron que os antigos quedaran no esquecemento (ou non tanto).
Agora semella que é a quenda das bombillas de toda a vida, que segundo Steven DenBaars (profesor de ciencia da Universidade de California Santa Barbara), é probable que en 2 anos sexan reemprazadas polos LED, uns díodos emisores de luz que achegan o mesmo nivel de iluminación ca unha lámpada convencional pero cunha vida moito máis longa e cun aproveitamento da enerxía moito máis económico.
Mentres as bombillas de toda a vida só transforman un 5% da enerxía consumida en luz, e perden o resto en forma de calor, estes díodos aproveitan ó 100% da enerxía recibida en iluminación, co que o consumo é notablemente inferior.
Outra das vantaxes destes novos xeradores é a súa duración: unhas 100.000 horas). Porén, este aforro a longo prazo non semella unha boa compensación polo de agora, debido ó seu elevado prezo, moi superior ó dunha lámpada tradicional. Aínda así, e malia o gran desembolso inicial, os expertos ven ós LED como a iluminación do futuro.

PUBLICIDADE