En maio poderiamos ter aplicacións móbiles para o rastrexo da COVID-19

xoves, 16 de abril do 2020 Marcus Fernández

Google a Apple están a colaborar no desenvolvemento dunha API que facilite a creación de aplicacións móbiles para a coita contra a COVID-19, permitindo un mellor seguimento das persoas infectadas e os seus contactos, para o que, en vez de analizar a posición GPS dos dispositivos, empregarían a tecnoloxía Bluetooth para saber que persoas estiveron na proximidade de outras, para que ao detectarse unha infección poida advertirse aos que estivesen en contacto co infectado da posibilidade de ter contraído o coronavirus, facilitando así a construción dunha cadea de infección que axude especialmente a identificar a infectados asintomáticos.
Esta solución tecnolóxica desenvolveuse cos EE.UU. en mente, pero con vocación global, e dende Reuters aseguran que está a ser benvida polos membros da Unión Europea, mentres que nas páxinas de El País apuntan a outro desenvolvemento na mesma dirección nunha entrevista a enxeñeira galega que lidera a aplicación móbil europea que rastrexará os contaxios da COVID-19.

Carmela Troncoso, enxeñeira de telecomunicacións que traballa na iniciativa DP3T

Carmela Troncoso, enxeñeira de telecomunicacións pola Universidade de Vigo, está a liderar un equipo de máis de 20 persoas de 8 institucións europeas para crear unha aplicación que poida estar dispoñible en maio e que facilite aos cidadáns saber se estiveron preto de alguén que deu positivo en coronavirus á vez que mantén a súa privacidade. Falamos dunha iniciativa chamada DP3T (rastrexo distribuído de contactos preservando a privacidade), que está a evolucionar a grande velocidade, e que basearase nunha aplicación móbil empregada de xeito voluntario e respectuosa co Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR). A aplicación instalada nos smartphones dos usuarios xerará unha clave privada que mantense no terminal e que serve para ir rexistrando os contactos do usuario con outras persoas que teñan a aplicación instalada e coas que non manteñan o distanciamento social, de xeito que se unha destas persoas dá positivo por coronavirus a súa clave privada pase a un servidor para que as persoas que estivesen en contacto con ela reciban unha notificación no móbil que as inste a illarse voluntariamente e facerse a proba do coronavirus. Deste xeito sería posible cortar a cadea de infeccións cando os usuarios aínda son asintomáticos.
Polo momento descoñécese se en Europa adoptaremos solucións baseadas na colaboración entre Google e Apple, ou optaremos por desenvolvementos totalmente europeos como o DP-3T, pero semella que en calquera caso apostarase por solucións descentralizadas que poñan por diante a privacidade dos usuarios e os seus dereitos fundamentais, para evitar as reticencias da cidadanía ao seu control telemático desproporcionado.

PUBLICIDADE