En marcha Galebook, a editora de libros galegos que tamén é rede social

xoves, 1 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Os libros en galego non só se len, tamén se fala deles e mesmo se fai innovación a través deles. Favorecer estes tres puntos, pero sobre todo o segundo e o terceiro é o gran obxectivo de Galebook, unha nova plataforma sobre a nosa cultura dixital que se dirixe entre outras cousas a darlle un emprazamento concreto a toda esa comunicación arredor dos nosos libros que fica aínda non tinteiro ou que se perde por ser maioritariamente oral. En definitiva, estamos perante un recurso a medio camiño entre o selo editorial (facendo fincapé nos novos autores, en formato electrónico ou papel) e o concepto de rede social (tratando de coller o mellor de dous mundos). A iniciativa, reflectida esta semana por Vieiros, foi posta en marcha por un equipo de editores, escritores, libreiros e lectores do noso país.
Tratándose como se trata dunha iniciativa social na Rede, a arela de participación é grande, polo que xa están abertas as canles para o envío de páxinas, capítulos e obras enteiras co fin de obter unha valoración por parte dos responsables da plataforma. Todo isto, informan, de xeito totalmente confidencial.
Por certo que no caso de que a valoración fora positiva e se dese un compromiso de publicación, o equipo de Galebook centrarase en dar conta dos traballos presentados en todo tipo de canles: foros, blogs, podcasts e mesmo nunha cadea de televisión propia de seu.
Como dixemos, a iniciativa diríxese a operar como unha rede social galega de literatura, “un lugar de encontro para as letras galegas en Internet, un espazo para os autores, os lectores, os críticos, os libreiros, os editores e os despistados que pasaban por aí”. A proposta tamén xorde para afianzar a presenza do ebook no noso mercado literario, unha “revolución dixital que contará na plataforma cun emprazamento específico para a distribución de libros electrónicos, tanto de autores galegos como de libros de fóra”. As descargas de obras poderán facerse en eReaders, móbiles, tablets, computadores e demais trebellos.

PUBLICIDADE