En marcha a licitación dos servizos de coordinación do Co-Lab da Coruña

xoves, 25 de abril do 2019 Redacción

O Concello da Coruña abriu o proceso de licitación da coordinación e comunicación do Laboratorio de Innovación Cidadá da Coruña, o Co-Lab, unha iniciativa encamiñada a converter as tecnoloxías abertas e o traballo en común en beneficios palpábeis para a sociedade: innovación social, cultura, intelixencia colectiva, coñecemento, recursos reutilizábeis, etc. A apertura do proceso vén da man da Concellería de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso.
O novo contrato regula a prestación dos servizos de coordinación e mediación e de comunicación do programa para os anos 2019 e 2020, coa posibilidade de prórroga de dous anos máis como máximo, e está dividido en dous lotes.
Delso salientou que con este contrato incídese “na continuidade e afianzamento dun programa innovador, que é punto de encontro e de traballo para o tecido social da cidade, e tamén para o fomento da estabilidade no emprego arredor desta iniciativa, como vén facendo o Goberno local en todos os seus contratos". O contrato ten un orzamento base de licitación de 133.523,63 euros anuais, dos que 98.647, 38 corresponden ao lote 1, de coordinación e mediación, e 34.876,26 euros ao segundo dos lotes, de comunicación. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 8 de maio.
A edil engadiu que o Co-Lab impulsa e apoia as iniciativas que poden converterse nun motor de transformación social e que se dan na propia comunidade: “Temos un potencial de creación e de coñecemento, unha intelixencia colectiva á que atende este programa, que buscamos consolidar e darlle continuidade a través deste contrato”.
O servizo de coordinación e mediación ten como funcións desenvolver, dinamizar e consolidar o labor do Co-Lab, para o que deberá deseñar e planificar a estratexia de actuación seguindo as pautas da Concellería de Participación e Innovación Democrática, así como promover a posta en marcha de novos grupos de traballo, favorecer a súa diversidade e continuar co traballo desenvolvido na Forxa, o acubillo transmedia aberto e de libre uso que incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción colectiva do Co-Lab.

PUBLICIDADE