En marcha a nova web da Deputación de Pontevedra

xoves, 15 de decembro do 2016 Redacción

Este xoves pola mañá os visitantes da páxina web da Deputación de Pontevedra, depo.es, foron “recibidos” por unha serie de cambios importantes, tanto no estético (máis visualidade, máis limpeza e máis facilidade para abranguer toda a web dunha soa ollada) como no funcional (menos atrancos para o uso e a navegación, máis accesibilidade, máis e mellores ferramentas para a participación, máis transparencia, máis comodidade no uso das ferramentas e servizos). Todos estes cambios son os relativos á recente remodelación do sitio en liña da entidade provincial, transformacións que foron avanzadas os días pasados pola propia Deputación pero que se puxeron hoxe mesmo a disposición da cidadanía.
Como sinalamos esta semana, a remodelación do espazo dixital foi desenvolvida polos propios servizos de comunicación e de novas tecnoloxías da institución provincial. Amais das novidades postas en xogo en materia de navegación, transparencia (búscase que toda a cidadanía poida coñecer o traballo da Deputación) e participación, houbo un esforzo importante no eido de facer a visita o máis cómoda e sintetizada posíbel (a idea foi reducir os campos e ordenar axeitadamente os contidos para facilitar a lexibilidade o uso).
Outra das novidades tecnolóxicas que presenta a nova web radica na súa adaptación aos distintos formatos de navegación, non só dende os computadores senón tamén dende tabletas ou teléfonos móbiles.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, lembraba esta mesma semana a “clara aposta” que está a facer a entidade provincial polas novas tecnoloxías: "Estamos activamente en Twitter, Facebook, Youtube, Instagram, Periscope e Linkedin. En Twitter, xa somos a Deputación galega con maior número de seguidores, 7.276, e acadamos case 400.000 impresións mensuais nesta rede social”. Esta vertente “social” da Deputación ten, como era de agardar, unha fonda pegada na nova páxina web da Deputación.

PUBLICIDADE