En marcha a oficina de transformación tecnolóxica de Ponteceso para pemes coruñesas

venres, 3 de marzo do 2023 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, visitaron na mañá deste 1 de marzo a nova Oficina Acelera PEME da localidade, onde participaron na clausura e no café-networking dun obradoiro de mercadotecnia dixital destinado a pequenas e medianas empresas e emprendedores, un obradoiro que foi, por certo, a primeira actividade que acolle o novo centro, impulsado pola entidade provincial en colaboración co Concello.
Formoso destacou que o obxectivo desta oficina, creada pola Deputación cun investimento de 468.000 euros co-financiado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, é “impulsar a transformación dixital das pequenas empresas dos 93 concellos da provincia e facelo ademais desde Ponteceso, demostrando que é posíbel crear actividade a axudar a frear o despoboamento do rural”.
Segundo comentou o presidente, “impulsar a dixitalización é clave para lograr que as empresas se asenten tamén en municipios pequenos e contribúan a creación de emprego e oportunidades para a xente moza, en definitiva a loitar contra o despoboamento". No mesmo sentido, destacou que a Deputación instalou a oficina Next Deputación, "a primeira creada en Galicia para apoiar a empresas e concellos na captación e xestión dos fondos europeos Next Generation" na Capela, un pequeno municipio rural de 1.300 habitantes da comarca de Ferrolterra. Un modelo que, segundo dixo, xa están empezando a replicar agora outras administracións.
Formoso agradeceu o ofrecemento do alcalde, Lois García Carballido, para que Ponteceso acollera a sede desta nova Oficina Acelera PEME. "Ademais de presidente da Deputación eu son tamén alcalde dunha poboación pequena, polo que compartimos esa sensibilidade. Sabemos que desde os concellos pequenos tamén podemos contribuír a mellorar Galicia", afirmou.
Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradeceu a confianza da Deputación para instalar a nova oficina no Polígono de Tella, "un dos máis dinámicos da comarca", e ofreceu a colaboración do Doncello "para que se consolide como nun referente en canto ao seu funcionamento" ao tempo que agradeceu á Asociación de Empresarios do Parque de Tella que preside José Ramón Pombo Imia "a súa colaboración esencial para a instalación desta oficina provincial en Ponteceso”.
A Oficina Acelera PEME
A Oficina Acelera PEME da Deputación da Coruña dá soporte e asesoramento aos 93 concellos da provincia desde a sede da Asociación de Empresarios do Polígono de Tella. Os principais obxectivos desta oficina son “sensibilizar as pemes, persoas autónomas e emprendedoras das zonas rurais da Coruña sobre as vantaxes da dixitalización e fomentar a demanda tecnolóxica, dándolles a coñecer as diferentes tecnoloxías TIC; prestar apoio técnico para a obtención de axudas locais, rexionais e nacionais; potenciar o proceso de dixitalización a través de resolución de dúbidas e asesoramento personalizado e servir como punto de encontro de oferentes e demandantes de tecnoloxía para o desenvolvemento de accións de transformación dixital”.
A intención é “que todas as pemes, microempresas e profesionais autónomos/as da provincia teñan ao seu alcance a súa transformación dixital das súas empresas e adaptación ás novas necesidades dun mercado en continúa evolución”.

PUBLICIDADE