En marcha cartulina.es, a semente dunha comunidade sobre manualidades con raizame galega

mércores, 28 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Dende A Coruña, da man de Kalina Pudzianowska, blogueira polaca afincada en Galicia, chéganos unha web que serve para abrir múltiples camiños ao noso pulo creativo. Chámase cartulina.es e trátase dun blog “producido diariamente dende A Coruña para mundo”, inaugurado co comezo do ano e rexistrando xa (dende xaneiro) unha cota de 7.000 visitas mensuais. Segundo nos conta Kalina, o proxecto “nace coa motivación de crear dende Galicia unha comunidade de usuarios envorcados nas manualidades”.
Porén, os obxectivos van alén disto. O que se busca dende o blog é, precisamente, sacalo de si mesmo. Ou sexa, reunir unha masa de internautas-lectores abonda como para organizar, periodicamente, todo tipo de eventos na nosa terra relacionados coa creatividade. Outro dos obxectivos, sinala Kalina, é impulsar un colectivo activo de usuarios que xeren contidos “e promovan novas oportunidades laborais”. Polo que respecta á web en si mesma, ao seu miolo, dicir que unha coidada iniciativa blogueira directamente encamiñada a sacar o artesán ou artista que levamos dentro. A través de diferentes propostas renovadas cada pouco (xardíns para cobaias, bonecos de feltro, chaveiros feitos a man, etc), ofrécense detallados textos explicativos, achegados do xeito máis ameno posíbel, e un bo feixe de fotografías descritivas co fin de facilitar os traballos dos internautas.

PUBLICIDADE