En marcha na Rede un libro colectivo para loitar polo dereito á escolarización das nenas

martes, 8 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Campaña Mundial pola Educación é unha iniciativa destinada a favorecer a escolarización, facendo especial fincapé nos países máis pobres, que xuntos (e contando tamén coas cifras que achegan o resto dos países, xa que nin sequera os ricos se salvan) suman un panorama de case 70 millóns de nenas e nenos sen posibilidade de recibir formación (máis da metade, nenas). A Campaña, que o ano pasado recadou 18 millóns de sinaturas de apoio a través da súa iniciativa 1Gol pola Educación, volve mobilizarse estes días para esixir un meirande esforzo político para rematar coa desigualdade de xénero no acceso á educación. Baixo o lema A educación non é un conto: polos dereitos das nenas e mulleres, a nova iniciativa apóiase en boa medida nas opcións da Internet social que se impón.
A mobilización, que se vai desenvolver entre o 11 e o 17 do vindeiro mes de abril, coincidindo coa Semana de acción Mundial pola Educación (SAME), visibilizarase a través da elaboración colectiva dun libro en liña de contos escritos polos integrantes das nosas comunidades educativas (alumnas/os, mestres, investigadores, etc) que servirá para dar conta das vantaxes da educación no desenvolvemento persoal das mulleres e das nenas.
Os contos, como se dixo, estarán á vista en Internet na web da Campaña. Os relatos, ademais, serán o miolo das actividades proxectadas para a nosa terra. “Nestes actos”, informa o equipo galego da Campaña, “contarase coa participación de diferentes representantes dos gobernos locais, autonómicos e do goberno estatal para recordarlles o seu compromiso de destinar os recursos necesarios para garantir a educación básica para todos e todas”. A achega dixital do libro colectivo complementarase coa posta en marcha da nova web da Campaña, operativa a partir do 21 de marzo no dominio www.cme-espana.org e con múltiples recursos para promover a participación das/os internautas e establecer conexión directa coas redes sociais. “Coa mesma URL”, comentan os responsables da plataforma “esperamos incrementar o número de visitas e o tráfico de contido pero, en especial, agardamos que resulte máis estética, máis intuitiva e máis navegable a prol de fortalecer e multiplicar a nosa mensaxe do dereito á educación para todos e todas”.

Que é A Campaña Mundial pola Educación?

A Campaña Mundial pola Educación (Global Campaing for Education) é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos do ámbito educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo. Todos coincidimos en reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos do "Cumio de Dakar" do ano 2000, onde a comunidade internacional se comprometeu a garantir o acceso a unha educación de calidade para todos e todas antes do ano 2015.
Actualmente, malia que a educación é un dereito fundamental, e é imprescindible para romper o círculo da pobreza, hai 69 millóns de nenos e nenas sen escolarizar e 759 millóns de persoas adultas que non teñen competencias básicas de lectura.

PUBLICIDADE