En marcha o Centro de Seguridade en Internet para Menores

martes, 7 de febreiro do 2017 Redacción

Hoxe, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), presentouse en Madrid unha ambiciosa iniciativa para protexer ás novas xeracións na Rede. Trátase do Centro de Seguridade en Internet para Menores, Internet Segura for Kids. Trátase, explicou o ministro Álvaro Nadal, dunha plataforma en liña xestionada polo INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) que salienta por fornecer asesoramento e asistencia aos menores e as familias co fin de evitar os problemas (acoso, ameazas, abusos de calquera índole) derivados dun mal uso das novas tecnoloxías. Asemade, subministraranse recursos aos educadores e aos profesionais do eido do menor. Para facer o máis efectiva posíbel a plataforma habilitarase un servizo de denuncia e un sistema de traballo en estreita colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Segundo fixo fincapé o ministro de Industria, farase especial fincapé en loitar contra o abuso sexual infantil. O servizo de denuncia e a liña de asistencia telefónica que o complementa estarán operativos no primeiro semestre deste ano.
O Centro de Seguridade en Internet para menores en España vén da man da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información, Red.es e o INCIBE. O obxectivo desta iniciativa conxunta: “Promover o uso seguro e responsábel en Internet e as novas tecnoloxías entre os menores e a súa contorna”. Trátase, como explicou o ministro Nadal, dun recurso público que “axudará a ampliar os dereitos dos cidadáns, especialmente dos cidadáns máis desprotexidos que son os menores de idade”. Nadal lembrou, para facernos unha idea dos riscos aos que nos enfrontamos, que en España o 95,2% dos menores de idade son internautas habituais e o 70% dispón de teléfono móbil propio.

PUBLICIDADE