En marcha un blog galego para achegar a agricultura ecolóxica aos habitantes das cidades

luns, 26 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Para quen non teña un mercadiño tradicional a man, queira apostar polo ecolóxico sen engano e ando farto de que nas grandes superficies comerciais cobren por hortalizas un prezo excesivo que logo vai dar na súa meirande parte aos intermediarios, o blogomillo leva un tempo ofrecéndolle alternativas. Unha das máis salientables desta tempada é Sementar Sementarei, un blog referenciado estes días en Chuza! que, como o seu nome ben indica, aposta pola autoxeración de recursos en presente e futuro e, igualmente, por levala a cabo en emprazamentos que por tradición veñen ficando fóra do que se etiqueta como sector agrario: as cidades, e máis polo miúdo, a casa de cada quen.
O caderno, que foi posto en marcha polo chuzeiro feelbeat, ten feitura de detallado caderno de notas de natureza práctica sobre a experiencia agrícola do seu autor, centrada sobre todo en cultivos de verduras e herbas en cuncas de plástico dispostas en diferentes lugares do seu domicilio.
O abano da produción é amplo, maior do que moitos habitantes de pisos no eido urbano imaxinabamos, e abrangue dende hortalizas de emprego común (cenorias ou tomates miúdos) até especias a usar a gusto de cada quen (caiena, chiles, etc).

PUBLICIDADE