En marcha un novo observatorio para tomarlle o pulso á oferta laboral nas TIC españolas

martes, 27 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A escola de negocios do ámbito dixital ISDI anunciou a semana pasada a posta en marcha vindeira dun servizo dirixido a tomarlle o pulso ao panorama laboral ligado ás redes. Falamos do seu Observatorio do Emprego Dixital, un acubillo de información dende o que se proxecta amosar, en todo detalle, a evolución da oferta dixital de emprego no eido en liña español. O Observatorio, baseado en información extraída da bolsa de emprego de ISDI, parte da seguinte liña de saída: a da crise que afecta a tódolos sectores pero non tanto ao tecnolóxico-dixital, ámbito que está a centrar unha boa parte das miradas dos analistas por ser, en aparencia, o que máis potencial ten para axudarnos a saír da focha.
Así nolo explica Nacho de Pinedo dende o ISDI: “Malia que os resultados amosan que a economía atravesa unha situación complicada, as empresas dixitais seguen medrando e son estas a que están a xerar emprego en Internet”. Porén, explica, a empresa da economía tradicional, o modelo maioritario en España, ten aínda un importante camiño por percorrer nun proceso de dixitalización que, por optimización de recursos e espallamento de actividade e comunicacións, semella a todas luces vantaxoso, segundo apunta ISDI. O Observatorio, por certo, xa está a emitir os primeiros sinais de actividade, entre as conclusións de partida podemos atopar algunhas de interese:
· O 71% das ofertas procede de empresas do sector dixital. Un 26% de axencias dixitais, un 29 de compañías de contidos dixitais e un 16 de empresa de comercio electrónico que non teñen presenza no mundo off line.
· O outro 29% das ofertas corresponde a empresas tradicionais que están arestora en proceso de dixitalización, ben comezando esta andaina ou reforzando a súa presenza na Rede. Os sectores principais neste caso son moda, viaxes, industria, farmacia, restauración e servizos financeiros.
· Os destinos principais dos postos que se ofrecen non inclúen as cidades galegas. Madrid está no primeiro posto e seguido a moita distancia por Barcelona. O 13% das ofertas son para cubrir postos fóra de España.
· Os postos máis demandados pertencen ao sector do marketing dixital, o 37%, o cargo máis solicitado segue a ser o de manager/director/responsable, co 57% das ofertas.

PUBLICIDADE