En marcha unha aplicación para amosar ao mundo os produtos coa marca Galicia Calidade

luns, 6 de abril do 2015 Redacción

Os días pasados a Consellería de Economía e Industria puxo ao alcance da man da cidadanía unha ferramenta para amosar aos consumidores os produtos e servizos que se presentan baixo o paraugas de Galicia Calidade. A aplicación móbil de Galicia Calidade, segundo sinalan fontes da consellería, está dispoñíbel para a súa descarga de balde, tanto para os usuarios de iOS como para quen tivera optado por Android. “Coa aplicación”, engádese, “o cidadán poderá comprobar no punto de venda se un produto conta co distintivo”. Tamén fornecerá outros datos de interese tanto das empresas certificadas como de Galicia Calidade.
Segundo engade a consellería, a ferramenta é ante todo un xeito de acurtar distancias entre os produtos abeirados ao dito distintivo e a cidadanía, establecendo unha canle firme entre os dous puntos. A aplicación, nun plano máis concreto, achéganos un factor distintivo no punto de venda, diferenciando a orixe xeográfica e o concepto de calidade ligados aos produtos expostos. Segundo lembran os impulsores da app acerca do que significa poder amosar nos móbiles o citado distintivo, “a marca de garantía representa o compromiso das empresas galegas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e o uso das mellores prácticas para a produción, a elaboración e a comercialización, podendo resultar un factor determinante á hora da elección dun produto”.
Quen descargue a aplicación estará en disposición de atopar toda a actualidade de Galicia Calidade e das empresas certificadas. “Ademais”, explícase dende Economía e Industria, “tamén poderán consultar, dun xeito cómodo e accesíbel, distintos datos de interese relativos ás compañías, como a súa localización, ligada ao navegador móbil, os datos de contacto, ou o acceso aos seus perfís públicos en redes sociais, entre outros”.
Lembrar que Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 250 produtos e servizos certificados, un factor que en palabras da consellería “fai decisiva a posta en marcha de ferramentas como esta app, que permitirá coñecer e diferenciar os mellores produtos galegos que contan coa marca de garantía”.
Por certo que a través de cada ficha de empresa fornecida pola aplicación, poderemos acceder ao seguinte:
-Imaxe e descrición de cada empresa
-Listaxes dos seus produtos e/ou servizos certificados pola marca de garantía
-Ferramentas de contacto integradas co móbil
-Marcación de teléfono
-Correo electrónico
-Páxina web
-Redes sociais
-Localización en mapa e información de como chegar co navegador do teléfono
-Tenda en liña.
Por outra banda, a ferramenta tamén nos leva da man ás últimas novidades de Galicia Calidade, as súas actividades recentes de promoción ou o detalle das novas incorporacións ao selo.

PUBLICIDADE