En marcha unha nova actuación da Memoria Dixital de Galicia para dixitalizar fondos en papel

venres, 20 de xullo do 2018 Redacción

O auditorio Neira Vilas da Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu esta mañá unha xornada informativa sobre a convocatoria de axudas para facilitar a dixitalización dos fondos patrimoniais a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro. O encontro foi inaugurado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que lembraron que esta medida enmárcase na iniciativa da Memoria Dixital de Galicia, unha estratexia impulsada desde o ámbito público en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.
A directora da AMTEGA sinalou que esta iniciativa suma un paso máis no obxectivo un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar os seu acceso universal. Mar Pereira incidiu en que a iniciativa da Memoria Dixital aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.
Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura incidiu en que «as axudas que hoxe presentamos contribúen á conservación e á difusión do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museográfico galego a través da plataforma Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia». «Así –dixo–, ao abeiro da Memoria Dixital de Galicia tratamos non só de garantir a preservación futura do noso patrimonio cultural, senón tamén de potenciar a súa divulgación e de facilitar o seu acceso á cidadanía en calquera momento e lugar».

Liña de axudas de 800.000 euros

A liña de axudas contan cun importe total de 800.000 euros e está destinadas á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Cómpre destacar que os recursos dixitais que se xeren nos proxectos subvencionados se difundirán a través do portal Galiciana
A convocatoria subvenciona proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2019, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG, o pasado 18 de xullo.
As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, reais academias e as academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

PUBLICIDADE