En marcha unha spin-off da USC que consolida e estende a tecnoloxía para mellorar a calidade do aire en pechado

xoves, 17 de febreiro do 2022 S. P.

O equipo promotor da empresa xunto a José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, no acto de constitución

A ferramenta tecnolóxica impulsada dende USC para estimar e acadar a ventilación óptima nas aulas da que temos falado en repetidas ocasións dende Código Cero (con motivo da súa aplicación nos centros educativos da nosa xeografía e da posta en marcha da súa web, ventilacion.usc.es), deu esta semana un paso de xigante en materia de consolidación e espallamento. O motivo? A posta en marcha oficial de VentilatioLab, spin-off da Universidade de Santiago que ten a súa orixe na dita aplicación, un recurso de gran utilidade para optimizar a calidade do aire en espazos pechados e frear deste xeito a COVID-19 mellorando as condicións de habitabilidade.
A empresa VentilatioLab desenvolve unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece cal debe ser a localización e número dos ocupantes de cada espazo para mellorar a salubridade do aire. “A chave é a identificación de dominios de fluxos de aire illados dentro do propio espazo, de forma que os aerosois (nanogotas) exhalados polos ocupantes nun dominio non alcancen a outros e, por tanto, non sexan inspirados polos demais ocupantes do espazo”, explican os promotores desta iniciativa.
VentilatioLab é froito do traballo dun equipo de investigadores da Facultade de Física da USC. Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez (ao que se unen o tamén físico Pablo Criado Boado e o economista Ramón Tubío Villanueva, como director) son os impulsores da iniciativa. O equipo investigador parte da súa experiencia en física de fluídos e o estudo do seu comportamento en gran diversidade de contextos (incluíndo meteoroloxía e oceanografía), experiencia que xa foi aplicada con éxito ás novas necesidades de control de ventilación tras a crise da COVID-19.
Segundo indican, as predicións que elabora VentilatioLab poden ser explotadas dende a fase de deseño arquitectónico e enxeñería de ventilación, para así garantir que os espazos públicos de nova creación posúan uns fluxos de correntes óptimos dende o punto de vista da saúde. “VentilatioLab permite entender as necesidades de ventilación de cada local singularizado e achegar solucións sinxelas para mellorar a calidade do aire”, explican os responsábeis da empresa, engadindo que se busca optimizar a ocupación e capacidade dun espazo, “garantindo a calidade do aire e mantendo separadas as burbullas”, engaden.
Experiencias previas
A tecnoloxía que desenvolve a nova spin-off da USC centrada na auditoría do aire en espazos pechados, xa foi validada con éxito en contornas de hostalería e educación. Así, a comezos de 2021, os investigadores da USC presentaban unha aplicación en liña dirixida a centros escolares de toda Galicia coa que optimizar o tempo de ventilación nas aulas en función das características propias dos centros.

PUBLICIDADE