En marcha unha tenda en liña que leva a Lonxa de Vigo ás nosas casas: Sinescama

mércores, 27 de decembro do 2023 S. P.

O panorama da innovación galega achegou nesta recta final de ano unha novidades relacionada coa mar que reivindica a calidade dos nosos produtos frescos. Trátase de Sinescama, unha innovadora tenda en liña que, segundo os seus impulsores, “leva até a nosa cociña a frescura inigualábel da Lonxa de Vigo, a maior de toda Europa”. Os envíos faranse sempre en menos de 24 horas, sinalan dende a empresa de Nigrán.
Con esta plataforma “redefinimos a experiencia culinaria cunha coidada selección de peixes e mariscos”, engaden, salientando que o camiño da súa tenda online está despexada de intermediarios, “polo que podemos garantir prezos ao alcance de todas as economías e unha calidade de produto insuperábel”.
A oferta é moi ampla e os peixes de tempada cobran especial importancia. Por unha banda, atopamos peixes máis accesíbeis e de diario como a pescada, o rapante ou a sardiña; e pola outra, peixes máis enfocados a datas como as que gozamos estes días especiais como a rabada (rape), o rodaballo ou as robalizas. A oferta de marisco tamén é moi variada, podemos atopar nécoras, centola, camarón ou vieiras, entre outras opcións. Ademais, a proposta complétase con produtos elaborados, como o polbo cocido.
Sinescama ofrece a posibilidade de personalizarmos os pedidos segundo as nosas preferencias. “En toros, en lombos, en filetes ou sen cabeza, cada peza prepárase a medida, ofrecendo unha experiencia próxima como a atención personalizada do teu peixeiro de confianza”, explican, engadindo que é posíbel programar as entregas ou facer encargos para un día concreto.

PUBLICIDADE