Enreguéifate VII fai eloxio do talento e a improvisación na súa gala final en Santiago

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

As gañadoras e gañadores do certame de contidos audiovisuais de improvisación galega Enreguéifate, alumnado de diversos centros escolares galegos, persoal técnico dos servizos de normalización e unha representación política dos cinco concellos impulsores do certame (Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra e Teo) participaron este mércores 3 de abril na gala final da nova edición do concurso, a sétima. Nela, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entregou un dos galardóns. A cita foi no Teatro Principal de Compostela.
Máis de 300 persoas asistiron a esta gala conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Un acto, accesible en lingua de signos, no que non faltou a música da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.
As gañadoras e gañadores foron os grandes protagonistas da mañá. Na categoría xeral, fixéronse co galardón á regueifa máis brava a Cumbia do choque, do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda foi para Vai de voda, a Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa Regueifa pola saúde mental; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa Sempre vida; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con Os deberes; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa Regueifa de coidar a terriña.
Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi Queremos moito as nosas profes do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo Regueifando apréndese mellor; a máis diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título O noso Entroido; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada O granulado non é pasado; a mellor cantada, para A nosa música na nosa voz, das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título Regueifa en Razo. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para Todo isto son mentiras, de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago).
Os galardóns desta sétima edición, que levaba por lema Temos madeira regueifeira!, tiñan selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madera).
No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa, entre os cales a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, o alcalde de Ames, Blas García; e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, quen tomaron parte tamén como entregadoras e entregadores de parte dos galardóns.
A entrega dos regueipremios puxo o broche final a esta sétima edición dun certame na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios), que se poden visualizar na Rede a través de enregueifate.gal. O xurado do certame estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; e os regueifeiros e docentes Manolo Maseda e Séchu Sende.

PUBLICIDADE