Entregados os galardóns da duodécima edición de Lingua de namorar

luns, 19 de xuño do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron este 19 de xuño no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar, o certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade facendo un uso creativo dos dispositivos móbiles.
García deu os parabéns ás gañadoras e gañadores e animounas/os “a continuar empregando o galego para relacionarse coas persoas máis próximas e para comunicarse na rede” e lembroulles que a Xunta de Galicia “traballa, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, que está destinado a fornecernos de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel ca nas linguas do mundo con maior número de falantes”.
Pola súa parte, Pichel destacou que esta nova edición de Lingua de namorar puxo de manifesto, unha vez máis, que Galicia ten unha mocidade talentosa e creativa. “Un enxeño que manifestan cada vez que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea”, dixo.
No acto de entrega, que tivo lugar como de costume do Pazo de San Roque, tamén estiveron presentes membros do xurado do certame, así como das respectivas consellerías implicadas. Ademais, os gañadores, que puideron recitar os seus poemas aos asistentes, estiveron arroupadas polos seus familiares e amigos.
Premios nas categorías A e B
Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) recolleu o seu galardón a pantonesa Carla López Otero, terceiro premio pola declaración de amor titulada Translúcidas chinas. Non puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio, respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado pola mensaxe Distancia, e a ourensá Alba Guzmán, premiada pola súa mensaxe Chover ten que chover.
Doutra banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe Áncora; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola composición Morriñada, e Andrea López Otero, de Pantón, terceiro premio polo poema Entre as cinzas.
Os dous primeiros premiados de cada unha destas categorías reciben unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Ademais, recollen un lote de libros e un diploma acreditativo do certame.
Categoría de Instagram
Na modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada na rede social entre as seis preseleccionadas polo xurado foi #Aartedoboquerer, da ourensá Iria Cebreiros Trigo, que recibiu tamén unha tableta, así como un lote de libros e un diploma.
Tanto as mensaxes gañadoras como as finalistas pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na páxina web de Xuventude, así como nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega
Promover a creatividade en galego na mocidade
Cada ano, arredor de San Valentín, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Consellería de Política e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convocan este certame que promove o uso do galego ao tempo que permite amosar o talento literario e a creatividade da mocidade arredor do amor e das relacións persoais.

PUBLICIDADE