Enxenio recibe unha importante certificación de calidade para a súa plataforma de distribución de ebooks

martes, 1 de outubro do 2013 Redacción

A empresa galega Enxenio, da que temos falado en Código Cero co gallo do desenvolvemento de Elibro-galego, plataforma de distribución de e-books para a Asociación Galega de Editores, obtivo a certificación ISO/IEC 25000 de calidade software para un dos seus produtos, xCloud eBookStore, tecnoloxía propia para distribución de ebooks. Esta certificación, segundo nos lembra o Clúster TIC de Galicia (do que Enxenio forma parte), vén da man de AENOR, Axencia Española de Normalización, e de ACQ Lab, centro acreditado por ENAC para a realización de ensaios de comprobación de calidade de aplicacións informáticas.
A devandita norma, tamén coñecida como Square (Software Product Quality Requirements and Evaluation), define o proceso de avaliación da calidade dun produto software e as características que poden ser examinadas, como a funcionalidade, o rendemento, a compatibilidade, o nivel de uso, a seguridade ou o mantemento, entre outras. Deste xeito, engade o Clúster, “Enxenio forma parte das tres primeiras empresas a nivel nacional en certificar a calidade e o mantemento dun dos seus produtos, é dicir, o grao no que este facilita o seu mantemento de forma efectiva, eficiente, segura e satisfactoria”.
Lembrar por último que xCloud eBookStore é, en palabras de Enxenio, unha solución completa e personalizábel para que as empresas do sector editorial poidan dispor da súa propia plataforma en liña de venta de libros electrónicos. A plataforma inclúe un lector de ebooks para que os usuarios poidan acceder ás obras mercadas dende calquera dispositivo, pudendo mesmo lelos sen ter conexión á Rede. Tamén posibilita a sincronización automática da lectura nos diferentes trebellos dos que se dispón, entre outras moitas cousas.

PUBLICIDADE