Érguete organiza na Guarda un obradoiro TIC para mocidade desempregada

venres, 15 de setembro do 2017 Redacción

A Asociación Érguete Baixo Miño vén de convocar un obradoiro para introducir á veciñanza no uso emprendedor das ferramentas dixitais: para adestrarse e impulsar proxectos de mercado e, tamén, para mellorar os seus currículos e incrementar as posibilidades de inserción laboral. O curso para Emprender a través das Novas Tecnoloxías, que conta coa colaboración da Concellería de Política Social (Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado), diríxese a “crear un espazo de comunicación para a mocidade sobre as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede”.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas desempregados/as, facendo fincapé naqueles/as que teñan entre 16 a 35 anos. O horario é de 16:00 a 21:00 h. os luns, mércores e venres. Os obradoiros comezarán o 25 de setembro para rematar o 13 de outubro, cubrindo un total de 50 horas e achegando, ao seu término, un certificado de participación. O obradoiro é de balde e celébrase na Aula de Informática de San Benito (Praza San Benito, 2-3 -36780 de A Guarda). Os bloques temáticos do curso artéllanse nos seguintes temas: mercadotecnia dixital (que, como, cando e onde) e redes sociais (uso da Rede, taller de aplicacións, etc).

PUBLICIDADE