Eric Schmidt deixa o Cadro de Directores de Alphabet

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

Na nota de prensa na que anuncian que Robin L. Washington entra no Cadro de Directores de Alphabet (compañía matriz de Google), deixan caer que Eric Schmidt non renovará o seu posto de dirección, que expira o vindeiro 19 de xuño, de xeito que quen fora director xeral de Google entre 2001 e 2011 (e director executivo até xaneiro de 2018) dará un paso atrás tras 18 anos, aínda que continuará a traballar como asesor técnico de Alphabet.
Eric Schmidt agradeceu aos fundadores de Google e aos seus colegas por estes últimos 18 anos, e aínda que a compañía víase como obra de Larry Page e Sergey Brin, o rol de Schmidt foi moi importante tras o crecemento inicial da empresa, sendo preciso unha persoa de certo perfil profesional para poder xestionar un xigante tecnolóxico como Google. Remata así unha etapa moi importante dentro da compañía que en 2015 transformouse nun conglomerado de empresas (Alphabet).

PUBLICIDADE