Escríbelle a Isaac: nova campaña solidaria da comunidade internauta galega con Díaz Pardo

venres, 9 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A comunidade internauta galega (dentro e fóra da nosa terra) segue a pechar fileiras arredor de Isaac Díaz Pardo. Este compromiso co intelectual galego xa vén de lonxe, mais agora colle novos folgos, a raíz da información aparecida na web do Grupo Sargadelos, ou, para falar máis propiamente, dunha información desaparecida. Concretamente a que facía referencia á conta de correo de Díaz Pardo no dominio do grupo, que era o instrumento do que se servía o mestre para recibir mensaxes de todo o mundo, sobre todo dende a Galiza da emigración. Esta supresión, segundo vén de informar a rede social e cultural Arredemo, podémola ver na ligazón á biografía do fundador do devandito grupo. Con este motivo, a devandita plataforma vén de pór en marcha unha campaña “en contra do silencio”, convidando á comunidade de internautas galegos e galegas a facerlle chegar ó mestre un e-mail de solidariedade, agradecemento e admiración. Podemos atopar o novo enderezo na web www.escribelleaisaac.info. Ademais, cómpre lembrar que segue activa a páxina mestreisaac.aduaneirossemfronteiras.org, na que dende hai meses recóllense sinaturas contra a xubilación anticipada do mestre e o novo xeito de proceder da directiva do Grupo Sargadelos.

PUBLICIDADE