España acolle a última reunión do Foro Europeo da Televisión de Alta Definición

mércores, 25 de febreiro do 2009 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acolleu a pasada semana, a oitava reunión de traballo do Foro Europeo da Televisión de Alta Definición (European High Definition Forum, EHDF) que está administrado conxuntamente polo Foro de Interoperabilidade Dixital (DIF) e a Unión Europea de Radiodifusión (EBU).
Este Foro foi establecido para reunir aos principais actores europeos, nacionais e internacionais, activamente involucrados no desenvolvemento e despregue da Televisión en Alta Definición (TVAD) en Europa, co obxectivo de proporcionar un mecanismo de intercambio de coñecemento e experiencia que apoie a exitosa introdución da TVAD en Europa.
Os membros do Foro Europeo da Televisión de Alta Definición son: a Comisión Europea, o Foro de Interoperabilidade Dixital, os Foros nacionais de TVAD, a Industria de equipos receptores, as operadoras de satélite e a Unión Europea de Radiodifusión (UER).
Esta xuntanza sérvelle aos asistentes para preparar e publicar informes colectivos sobre plans de implementación e de progreso. En particular, o Foro esfórzase por acadar un consenso voluntario en aspectos relativos á interoperabilidade e a estandarización da TVAD, e aínda que non desenvolve estándares por si mesmo, actúa de ligazón cos servizos da Comisión Europea.
A Televisión de Alta Definición significa un novo paso tecnolóxico que posibilita que o espectador poida visualizar imaxes de gran calidade; asemade, ten repercusión en toda a cadea de valor audiovisual, dende a creación e provisión de contidos, pasando polo equipamento para o fogar en forma de pantallas e receptores axeitados e, finalmente, a súa recepción polo usuario.
Este tipo de sinal xa é unha realidade en países como EEUU, Xapón, Corea e Australia. En Europa, a TVAD tamén está comezando a tomar corpo, e xa se lanzaron distintas iniciativas de Alta Definición en Francia, Reino Unido e Alemaña.

Foro de la Televisión de Alta Definición en España
O día 7 de febreiro de 2007 o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio constituíu o Foro da Televisión de Alta Definición en España cuxo principal obxectivo era dispoñer dun lugar de encontro dos axentes implicados onde tratar as cuestión técnicas e onde se lle deran pulo a iniciativas para o desenvolvemento e implantación da Televisión de Alta Definición, contemplando de xeito global os distintos aspectos desta nova tecnoloxía.
O Foro da TVAD contempla tódolos sectores (satélite, cable, terrestre e ADSL) e está aberto, sen custe algún, á participación das entidades, empresas ou personalidades que estean interesadas en promover o desenvolvemento da televisión de alta definición en España.

PUBLICIDADE