España ponse no posto 16 a nivel europeo en uso empresarial da Rede

luns, 9 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

España segue a dar, en cuestión de afianzamento das novas tecnoloxías da información, algo intermedio situado entre a calor e o frío. Se cadra, e se atendemos á nova investigación de Fundetec sobre o impacto das ferramentas dixitais na pequena e mediana empresa do país, dá máis do segundo que do primeiro: arestora atópase no posto 16 da Unión Europea do devandito parámetro e dun total de 25. No Informe ePyme 2008, que Fundetec centrou no estudo pormenorizado do nivel de introdución TIC en oito grandes sectores da economía española (loxística, transporte, hostalería, turismo rural, téxtil e confección, calzado, viticultura e comercio minorista), inclúese tamén unha clasificación de cada unha das eivas atopadas e achegas en detalle das posibles iniciativas a seguir para corrixilas. Con todo, e segundo se informa en Bandaancha.eu e Internautas.org, os datos son desalentadores.
En certa maneira, a investigación non ofrece nada novo e que non se soubera: sabíase que canto máis pequena é a empresa en cuestión, menos posibilidades ten de estar en liña e menos aínda de contar co máis mínimo equipamento tecnolóxico. En España, e en Galiza sobre todo, a situación agrávase se temos en conta que as microempresas son o corpo principal do tecido produtivo. A penetración do computador neste eido, como se dixo, varía moito se atendemos ao tamaño da firma avaliada. Entre as máis pequenas, as de até dous empregados, non abondan os equipamentos TIC: a taxa é só do 54,7%. O chimpo cuantitativo prodúcese nas microempresas de tres a nove traballadores: nelas a situación estabilízase e, en base a isto, estaríamos a falar dunha maioría equipada.
Polo que respecta á telefonía móbil, segue a ter boa aceptación: está ser usada no 92,9 das pequenas e medianas empresas. No caso das microempresas cae até o 70%. Polo que respecta a Internet a porcentaxe de pemes que fan uso da Rede é do 94,3%. No eido das máis pequenas, a taxa diminúe até situarse no 48%.
No informe tamén se reflicte a cantidade de firmas que dispoñen de web propia: o 52%. Isto polo que respecta ás pequenas e medianas empresas. Nas micros, a presenza en liña cae até o 20,8%.

PUBLICIDADE