Esta finde celébrase en Lugo un evento participativo para transformar o rural: o II Terra Creative Jam

xoves, 20 de outubro do 2022 S. P.

O Campus Terra da USC (Campus de Lugo) e a incubadora Lug Open Factory organizan os días 22 e 23 de outubro, na Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay da sede universitaria luguesa, a segunda edición de Terra Creative Jam, un evento creativo e de xeración de ideas innovadoras orientada a “reinventar o medio rural”. A comezos da semana estaba confirmada a participación de medio cento de asistentes.
O II Terra Creative Jam, impulsado a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), en colaboración coa a incubadora Lug Open Factory no marco de colaboración do proxecto AYCH Interreg Atlantic Area, permitirá a estudantes e titulados da sede universitaria luguesa participar en diversos obradoiros nos que deberán resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, ao tempo que achegarán solucións para transformar o rural cara a meirandes sustentabilidade, eficiencia e competividade. Tocaranse varias temáticas, tales como a economía verde, a produción eficiente e sustentábel; a educación inclusiva e de igualdade; o emprendemento dixital e uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no rural; as industrias creativas e o sector audiovisual; a alimentación e a vida saudábel; e a busca do benestar animal e mellora dos ecosistemas. As ideas, produtos e servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas propostas.
Os participantes, xa de xeito individual xa en equipo, poderán gozar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos de economía circular, formación con workshops específicos, prototipos con maquinas 3D, gamificación, drons, Realidade Virtual e podcast e actividades deportivas con caiac no río e escalada no rocódromo. A segunda xornada consistirá nun hackaton onde por equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela o xurado.
O tres mellores prototipos de proxecto terán unha praza para todo equipo na Residencia formativa Lof Talent e no programa de emprendemento Explorer USC. Ademais cada un dos membros do equipo gañador, recibirá varios premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tabletas, entre outros.
A asistencia a esta actividade é totalmente gratuíta. O prazo de inscrición permanece aberto en liña ata as 23.59 horas do 21 de outubro. As prazas son limitadas e a organización facilitará aos asistentes aloxamento e mantenza durante os dous días que dura a Terra Creative Jam.


PUBLICIDADE