Este venres ábrese oficialmente a novena edición da Pont-Up Sotre 2022

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

Este venres 23 de setembro celebrarase o acto de apertura oficial da novena edición da feira de emprendemento Pont-Up Store 2022, promovida polo Campus Crea de Pontevedra da UVigo coa axuda do Concello como patrocinador principal e co apoio da Deputación, a Xunta, o Consorcio da Zona Franca e Abanca, entre outras entidades. O acto terá lugar no epicentro da feira: o recinto empresarial instalado na praza de España.
Participarán o reitor Manuel Reigosa, o director da feira Pedro Figueora, a directora territorial de Abanca, Mª del Carmen Fernández Pena, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, o deputado de Economía Carlos López Font, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao finalizar as intervencións realizarase unha foto cos patrocinadores á que tamén se sumarán as persoas integrantes do comité organizador do evento e os acompañantes e colaboradores presentes no acto. Haberá, a partir das 12.15. unha visita institucional ao recinto da feira Pont-Up Store.
Os obxectivos
O evento de emprendemento innovador Pont-Up Store céntrase en axudar ás novas empresas galegas a desenvolver competencias que lles permitan madurar os seus emprendementos e iniciar o camiño da internacionalización. O encontro arrincou esta semana en Pontevedra con actividades previas en distintos espazos da cidade e abrirá a carpa da praza de España o venres 23 e sábado 24 con preto de 40 modelos de negocio que “destacan pola innovación, a creatividade e a sustentabilidade”, en palabras do Campus Crea.
O evento ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Entre as competencias básicas, haberá sesións dedicadas ás posibilidades de financiamento na pequena empresa; ás axudas e subvencións; e á aceleración, dixitalización e neuromarketing para pequenas e medianas empresas.
Con respecto ás competencias específicas, destacan as relativas ás empresas de economía social e dos emprendementos sustentábeis.
En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que catro desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén na feira de talento Pont-Up Exprés, onde un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.
Entidades organizadoras
O Pont-Up Store é unha iniciativa da UVigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento pontevedrés e galego.
Nos labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store.

PUBLICIDADE