Este venres estréase Empatía, curta que mestura dixitalmente Barbanza con Arizona

mércores, 15 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Dun tempo a esta parte e agora máis ca nunca, o audiovisual galego chega a nós polas máis innovadoras canles de realización, rodaxe e distribución. Isto permite entre outras moitas cousas que se solucionen todo tipo de retos creativos dun xeito máis rápido, económico e ás veces sorprendente. Por exemplo os que nos propón a curta experimental que se presenta este venres na praza do Cantón da Pobra do Caramiñal, a peza Empatía do director Carlos Seijo. A curtametraxe, que se proxectará ás 22 horas, constitúe unha reflexión sobre os motivos que levan a un home a rematar coa vida de outros, ou (en caso de recibir o don da empatía, iso que nos permite poñernos na pel dos demais), deixar de facelo. Entre outros achados, a obra (producida por Mr Misto Films) tira o máximo partido da creación dixital, conseguíndose que as paraxes orixinais nas que foi rodada, a serra e as praias da comarca de Barbanza durante o máis cru do pasado inverno, sexan tamén un calco do deserto de Arizona e, por extensión, da clásica paisaxe norteamericana onde adoitan a representarse este tipo de filmes. A curta foi realizada cunha cámara fotográfica GH1 de Panasonic, con capacidade para gravar vídeos en HD.
O director, Carlos Seijo, xa ten tras de si outras tres pezas de breve duración. A primeira curta que realizou foi Elevation (2006), inspirada mentres estudaba na Universidade de Barcelona (UB). Xa en 2007, Sen escrúpulos foi a peza gañadora do primeiro premio do Festival ON&OFF A Toda Mecha Curtas Expres, organizado pola produtora Mr Misto Films. Por outra banda, a seguinte película que realizou foi Pode ser (2008) que o pasado inverno estivo en diversos certames como o Festival Palencia Sonora, o festival Internacional de cine Independente de Elxe e o Festival de cine Internacional de Ourense.

PUBLICIDADE