Estréase na Internet a Enciclopedia da Vida con 30.000 páxinas

martes, 26 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Hoxe é o día da estrea oficial da Enciclopedia da Vida na Rede, un proxecto que segue unha liña de acción semellante á Wikipedia, pero centrándose polo miúdo na catalogación dos seres vivos. A idea, coma na Wikipedia e no software libre, é tirar partido dos moitos e moitas. É dicir: de toda a comunidade internauta que -neste caso concreto- é tamén comunidade científica e devece por escribir sobre os labores propios ou alleos pero non tivo oportunidade de facelo. Pois ben, agora si que hai oportunidade.
A Enciclopedia da Vida ponse en marcha con 30.000 páxinas e o obxectivo dos seus creadores é rexistrar na Rede e para os internautas as preto de 1,8 millóns de especies de seres vivos que hai na Terra, reto que se pretende acadar en 2017.
A iniciativa, que se coñece como “EOL” (son as súas siglas en inglés), está a ser coordinada polo Instituto Smithsonian en Washington, que contará coa axuda de centros de investigación de todo o planeta. O seu obxectivo: dirixir as tarefas de achega de artigos e entradas, poñendo especial énfase no rigor científico.
Asemade, o que se pretende é que a EOL sexa un recurso de primeira orde no ensino, sexa do nivel que sexa: dende o máis básico en Infantil e Primaria até os chanzos máis altos da investigación, mesmo facilitando a colaboración entre a comunidade científica (servindo de ponte e de pretexto) e abrindo vieiros para novos achados en bioloxía ou áreas empresariais vinculadas a este eido.
Nun principio, só se permitirá a achega informativa de membros daquela comunidade, pero déixanse unhas cantas canles abertas para que os internautas en xeral contribúan con imaxes e datos que serán postos a disposición dos investigadores. Segundo indican os seus responsables, a iniciativa terá unha ampla repercusión positiva nos países en desenvolvemento, xa que alí existen máis muros e atrancos á hora de acceder a este tipo de información. A enciclopedia figurará en varios idiomas, agardamos que tamén en galego (polo de agora, só se pode visitar en inglés e francés).

PUBLICIDADE