Estremadura celebrou nunha xornada a tres bandas as vantaxes do software libre para a innovación

xoves, 30 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A cidade de Cáceres foi os días pasados, por así dicilo, o centro neurálxico do software libre en España. E non foi casualidade esta situación: o Goberno de Estremadura resultou ser un dos primeiros do mundo en apostar pola programación aberta como alicerce para as súas comunicacións internas e externas e a súa xestión. Asemade, deuse a casualidade de que Estremadura celebrou o 29 de abril o Día do software libre, motivo polo cal organizouse na Cámara de Comercio de dita cidade unha xornada dirixida a conmemorar as vantaxes do código aberto. O evento, coordinado pola Consejería de Economía do goberno autonómico, o Ministerio de Industria e CENATIC, contou coa presenza de Jorge Martín, técnico deste último centro, quen falou da implantación de GONG, a ferramenta de xestión integral para organizacións non gobernamentais desenvolvida pola fundación. Asemade, pasaron polo estrado Rafael Martín (director xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Junta de Estremadura) ou Carolina Grau (directora xerente de CENATIC), quen remarcou a importancia de organizar foros sobre software libre que evidencien e lle poñan imaxe e corpo ao espírito mesmo dese software libre.
Porén, entre as intervencións que máis expectación xeraron situáronse as das empresas e iniciativas particulares, por ser elas as que finalmente están a amosar a viabilidade da programación aberta en materia de negocio e oportunidade de riqueza. Nesta liña de salientar o código aberto como valor de mercado situáronse as compañías Set Informática, Solucionex, Canal Cúbico e Pulso Sistemas de Gestión, todas elas presentes na xornada e todas elas coincidindo nun punto ben concreto: deixar ao alcance da comunidade os segredos dos produtos que deseñas non é perder competitividade. Juan Zamorro (Pulbos Sistemas) sinalou que na súa opinión “liberar un produto propio como software libre é situar á túa empresa nun mercado global; hai que ceibar un desenvolvemento colectivo distribuído por todo o mundo e contar con que ese software terá instalacións en lugares nos que non pensaches endexamais”. Por outra banda, Servando Saavedra (Set Informática) afondou na necesidade de innovar nas pequenas e medianas empresas, cousa que lles permite a programación aberta, ademais de dominar a tecnoloxía e, a partir de aí, ir máis adiante en procedementos e na forma de xestionalos.

PUBLICIDADE