Estudantes de Ames gañan a sétima D3Mobile Metrology World League cunha recreación da Estatua da Liberdade

xoves, 27 de xuño do 2019 Redacción

O equipo Bach1 CPR Alca de Ames (A Coruña) vén de proclamarse vencedor da sétima edición do D3Mobile Metrology World League, o campionato de escaneado 3D de precisión con tableta ou móbil convocado polo grupo de investigación CIGEO da USC (Campus de Lugo) con financiamento da Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo e Universia do Banco de Santander. Polo que respecta ao equipo subcampión mundial, resultou ser un grupo de estudantes do Colexio Baden Powell de Atizapán de Zaragoza (México). A edición de 2019 deste certame mundial contou coa participación de 600 estudantes e 150 profesores de 110 centros educativos de 16 países de todo o mundo.
O equipo gañador (categoría Metrólogos) estivo formado polos escolares Lucía Camiña Freire, Diego Prados Neto e Álvaro Sevilla Pérez, coordinados polo profesor José María Villarino Fernández. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre a Estatua da Liberdade, mentres que na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,04 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. As mexicanas Ingrid Montserrat Barcenas Hernandez e Vanessa Barcenas Hernandez, pola súa banda, escanearon en 3D o modelo anatómico dun cranio humano e conseguiron un erro medio inferior a 0,05 mm.
Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo anatómico dun ollo escaneado en 3D, do equipo Outoforbit3D, da Unidade Educativa Mariscal Sucre de Guayaquil (Ecuador), formado polos alumnos Alina Isabel Briones Miranda e Isaid Medardo Cepeda Huacón coordinados pola profesora Andrea Alexandra Avila Guerra.
Outro dos premios do campionato fomenta as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión dos seus resultados, para conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis apoiado polo público de todo o mundo foi da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), formado polos alumnos Ceren Mervenur Kocamaz e Beyzanur Canta, coordinados polo profesor Mustafa Toruntay.
A D3Mobile Metrology World League 2019 contribuíu de novo a sensibilizar a todos os participantes acerca do máis que relevante papel da muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio outorgado pola Fundación Mulleres, un galardón ao que optaron aqueles equipos que seleccionaron para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica ou tecnóloga de éxito nos devanditos eidos de traballo e investigación. O premio foi para o IES da Pobra de Caramiñal formado polos alumnos Rita Seoane Piñeiro, Román Pego Cánibe e Marcos Fernández Ouviña, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea, cun modelo 3D sobre Tabitha Babbitt, unha muller americana que inventou a primeira serra circular en 1813, ao darse conta de que se malgastaba a metade do movemento que cada un dos dous traballadores realizaba ao manexar un tronzador.
O gañador do premio ao mellor equipo de mozas e mozos metrólogas e metrólogos da nosa terra, outorgado pola Xunta de Galicia, foi parar, por segundo ano consecutivo, ao equipo do IES da Pobra do Caramiñal coordinado pola profesora Margarita Saborido Ojea e integrado polos alumnos Leticia Romeu Sanisidro, Lea Zhu Muñiz Briones e Pablo Ramallo Castro, que escanearon varias caracolas e obtiveron un erro medio inferior a 0,06 mm.
O equipo da provincia de Lugo mellor clasificado foi o grupo do IES Muralla Romana de Lugo composto polos estudantes Alejandro López Fontán, Carlos Rodríguez Da Serra e Diego Veiga Loureiro e dirixido pola profesora Marta Goy López, que escanearon en 3D unha figura do coliseo romano. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.

PUBLICIDADE