Estudantes de todo o mundo participan nunha escola de verán da UDC marcada polo virtual e os desafíos dixitais

luns, 27 de xullo do 2020 S. P.

Inauguración da escola de verán do ano pasado, aínda libre da COVID-19

Un centenar de estudantes dos catro continentes están a participar estes días, até o venres, nos cursos da International Summer School (ISS) da Universidade da Coruña que, nesta oitava edición, desenvólvese de maneira virtual pola pandemia da COVID-19. Impártense (en inglés) materias como auditoría de contas, transporte intelixente, Phyton, ecoturismo ou biotecnoloxía a través das aulas virtuais creadas ex profeso na aplicación Teams.
Participa alumnado dun amplo abano de países como Italia, Xeorxia, Marrocos, República Dominicana, Ghana, Colombia, Eslovaquia, Nixeria, Bielorrusia, Tajikistán, Sudán, Armenia, Rusia, Arxentina, Etiopía, Pakistán, India, Brasil, Cuba, México, Costa Rica ou Kazajistán, ademais de alumnado da UDC.
A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre abriu a oitava edición dos cursos da ISS que comezaron a pasada semana, xunto co director da Oficina de Relación Internacionais, Evaristo Zas, e a coordinadora da ISS, Begoña Crespo.
A docencia en liña en si mesma vai acompañada dun programa social, tamén de forma virtual nesta edición, no que se inclúen actividades gastronómicas, xogos, visitas culturais e asesoramento lingüístico previo apoio dun curso de español básico gratuíto para estranxeiros creado a propósito para a Summer School. Estas propostas lúdicas virtuais inclúen xiras, quedadas cos mentores, eventos gastronómicos para gozar de receitas tradicionais, directos pola rede social Instagram, etc. O obxectivo destas actividades é “dar a coñecer a cidade da Coruña, as linguas e a cultura”.
Ademais, a ISS propón ao seu alumnado un reto que consiste na elaboración dun proxecto virtual intercultural que cada estudante poderá presentar para gañar una matrícula gratuíta na vindeira edición da ISS da UDC. O venres, 31 de xullo, xunto coa clausura dos cursos, comunicarase o nome da persoa gañadora do challenge.

PUBLICIDADE