EuroEume e Amigus ofrecen un agosto argalleiro de obradoiros tecnolóxicos

martes, 28 de xullo do 2020 S. P.

As entidades EuroEume e Amigus organizan este mes de agosto dúas actividades para introducir nas vertentes máis creativas e participativas da informática e da robótica a colectivos de argalleiras e argalleiros principiantes. Estamos a falar, por unha banda, do Obradoiro de Modelado e Impresión 3D, que se celebra os días 24 e 25 de agosto e que porá o foco en mostrar ás mulleres os principios e segredos das ditas disciplinas. A actividade, que se celebra de 10.00 a 13.00 horas, vai orientada a makers principiantes que non están familiarizadas coa Impresión 3D, e/ou estudantes que queren introducirse nesta tecnoloxía. Non é necesario ningún coñecemento anterior.
A outra proposta de EuroEume e Amigus é o Obradoiro de robótica en familia. Iniciación a Arduino, que se desenvolve os días 26 e 27 de agosto, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Trátase de facer descubrir a crianzas e maiores as aplicacións e ferramentas que lles permitan desenvolver as súas capacidades. Sera unha cita de robótica en familia, unha actividade conxunta e orientada a que impulsar a máxima participación dos pais e nais coas fillas e fillos.
Os cursos son gratuítos, dado que contan con financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e da Consellería de Política Social, respectivamente. As inscricións formalizaranse por orde de rexistro na web dos Labs de Amigus.
Os dous obradoiros celébranse nas Pontes, no número 14 da praza do Hospital.

PUBLICIDADE