Excelentes resultados de Windows Phone 8 nos EE.UU.

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a plataforma Windows Phone 8 aínda está a desembarcar en España estas semanas, nos EE.UU. xa leva uns meses, polo que comezamos a ter información sobre a súa acollida, sorprendendo a súa velocidade de adopción, pois segundo ApDuplex a nova versión do sistema operativo móbil de Microsoft conseguiu chegar a ocupar unha cota do 50,01% fronte ás versións anteriores, o que é un resultado impresionante se temos en conta que Windows Phone 8 só leva 3 meses no mercado, mentres que Windows Phone 7.x leva un par de anos.
Microsoft xa estimaba que Windows Phone 8 ao remate de 2012 cuadriplicara as súas vendas fronte ao ano anterior, mellora de vendas que parecen confirmar os datos de ApDuplex, o que tamén é unha boa nova para Nokia, compañía que vende o 54% dos móbiles con Windows Phone nos EE.UU.

Windows Phone supera a BlackBerry

A estes resultados temos que sumar os reflexados nun informe de Strategy Analytics, que indica que Windows Phone superou a BlackBerry OS nos EE.UU. durante o último trimestre de 2012, converténdose na terceira plataforma de smartphones, sendo a primeira vez que Microsoft consegue superar a BlackBerry dende 2006. O mesmo informe tamén indica que Android perdeu cota de mercado por primeira vez na súa historia, o que podería indicar que chegou ao seu teito.
De todos os xeitos, cómpre destacar que estes días está a chegar ao mercado a plataforma BlackBerry 10, que pode axudar a mellorar os resultados da plataforma móbil canadense. As vendas iniciais do terminal BlackBerry Z10 están a ser boas, pero queda por ver se mantén o seu pulo nos vindeiros meses como para facer que BlackBerry recupere a relevancia perdida.
Nos últimos días, durante a celebración da BlackBerry Jam Europe, tamén anunciouse que as ferramentas que facilitan o traslado de aplicacións de Android a BlackBerry 10 vai actualizarse para permitir non só correr aplicacións para Android 2.3.3, senón que tamén será capaz de facer o propio co software para Android 4.1, o que axudará a portar aplicacións á nova plataforma móbil de BlackBerry.

PUBLICIDADE