Éxito do encontro de Networking celebrado en Compostela

xoves, 31 de maio do 2012 Raquel Noya

Dezaoito empresas e entidades pertencentes aos sectores tecnolóxico e audiovisual do noso país (asociadas a EGANET, o CLAG e o Cluster TIC Galicia), participaron hoxe nunha xornada de traballo celebrada en Compostela, da que xurdiu un importante convenio de colaboración para apoiarse mutuamente nos vindeiros dous anos.
O encontro de networking, celebrado polas devanditas entidades, serviu entre outras cousas para sentar as bases para o desenvolvemento de fórmulas de cooperación e oportunidades de negocio conxuntas, e visto o resultado, as primeiras non se fixeron agardar.
As persoas asistentes debían manter entre eles encontros cara a cara, co obxecto de coñecer as capacidades e necesidades de cada empresa, establecer relacións de confianza e investigar posibles vías de traballo conxunto.
Segundo afirman dende a organización, “a gran complementariedade entre os sectores TIC e Audiovisual inspirou a organización desta iniciativa”, e neste senso, dende o Cluster TIC sinalan que as empresas dun e doutro sector “poden axudarse mutuamente a aproveitar mellor os seus recursos para fortalecerse, ser máis competitivas e afrontar con garantías o reto da internacionalización”.
Na mesma liña, desde o CLAG salientaron “que as tecnoloxías dixitais van ser o verdadeiro motor da industria audiovisual no futuro inmediato”, polo que a colaboración vindeira será produtiva en ambas direccións.

PUBLICIDADE