Expediente-e: nova aplicación para optimizar os procesos de selección de persoal no SERGAS

martes, 19 de xullo do 2011 Redacción

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar unha nova aplicación dirixida a reducir a carga administrativa que ten ao seu cargo até nun 50%, concretamente a carga do SERGAS relativa aos procesos selectivos de traballadoras/es. A ferramenta, chamada Expediente-e, foi dada a coñecer este martes 19 pola directora de Recursos Humanos do devandito departamento da Xunta, Esperanza Fernández Lago. Esta aplicación, dixo, achegaralle ao persoal do SERGAS a posibilidade de dispor dun currículo profesional electrónico e centralizar e unificar os seus méritos.
Asemade, tal e como dixemos, a ferramenta cumpriría cunha das principais máximas de todo o relacionado coa Administración Electrónica: axilizar o traballo para tódalas partes implicadas. Neste caso, o labor dos procesos selectivos caería até a metade en carga de traballo. Ao seu xuízo, “ata o de agora non existía unha plataforma que contivese o CV dos nosos profesionais, o que supoñía que este tiña que ser representado en cada proceso, reactualizado, rebaremado de xeito manual, o que ampliaba os prazos e redundaba nun desaproveitamento dos recursos, e nunha insatisfacción por parte dos usuarios”.
Por certo que, segundo sinalou a directora xeral, o expediente en cuestión ficará visíbel a partir do xoves no espazo da Oficina Virtual do Empregado (FIDES) na páxina web da Consellería de Sanidade. “O Expediente-e é unha nova forma de xestionar o currículo profesional de forma sinxela e intuitiva, acurtando prazos de xestión á hora de inscribirse en ofertas de emprego público, listaxes de contratación temporal, promoción laboral, ou procesos de mobilidade”, engadiu. No que atinxe aos beneficiarios potenciais deste desenvolvemento, tamén houbo datos ao respecto: está pensado para os máis de 38.000 profesionais que forman parte do sistema sanitario público na actualidade, “pero tamén poden xa beneficiarse desta ferramenta todos aqueles profesionais que desexen incorporarse á sanidade galega, facilitando a súa inclusión nos procesos de selección temporal existentes e demais que se convoquen no futuro da forma máis áxil e transparente”.

PUBLICIDADE