Expertos en transformación dixital de R participan en Madrid co prestixioso congreso Data4Insurance

xoves, 16 de marzo do 2023 S. P.

O congreso Data4Insurance, que organiza Big Data Magazine (publicación especializada en temas de IA e datos) desenvolverase este xoves 16 de marzo a partir das 15:30 h no madrileño auditorio La Matriz. Alí, expertos da operadora de orixe galega R. xunto a especialistas de toda España. ofrecerán o seu coñecemento, visión estratéxica e experiencia relativas ás aplicacións da Intelixencia Artificial no sector dos seguros.
Adrián Bertol, responsábel de vendas de IA e Analítica de R, incidirá no momento clave que afrontan hoxe en día as empresas de seguros: “Dispoñen de datos con moito valor e aínda non é tarde para que comecen a usalos, mais corren o risco de non ser tan competitivas se non implantan unha estratexia de uso do dato xa. As principais aseguradoras xa o fixeron”.
Pola súa banda, Alberto Díaz Freire, responsábel de Alianzas e Transformación Dixital de empresas de R participará na mesa redonda sobre a Automatización do uso de modelos de Machine Learning no sector seguros, xunto a expertos das aseguradoras Santalucía e Verti. Díaz Freire falará das vantaxes do AutoML (Auto Machine Learning), que lles permite ás pemes desenvolver para elas un sistema propio de IA preciso, seguro e rendíbel, porque con el evítase o investimento en infraestruturas e en persoal especializado que ata hai pouco era imprescindíbel nestes negocios de menor tamaño. “A Intelixencia Artificial xa é unha ferramenta clave no sector asegurador para xerar pancas impulsoras dun negocio máis competitivo e diferencial no mercado”, comenta o experto en Transformación Dixital de R, que defende tamén a “necesidade de implantar modelos de IA aplicábeis a toda a cadea de valor da empresa e realizar deles un seguimento exhaustivo e transversal en todas as áreas: comercialización, marketing, operacións, posvenda...etc.”
En Data4insurance falarase polo tanto de funcionalidades e aplicacións da IA que lles permitirán ás compañías resolver algunhas das súas preocupacións principais como negocios onde todo pivota arredor dos riscos e as garantías; de aí a transcendencia da aprendizaxe automatizada no sector seguros.
O auditorio deste evento presencial e divulgativo serán, por tanto, profesionais do dato e a Intelixencia Artificial do sector seguros. Haberá catro mesas redondas que abordarán os temas da automatización do uso da Aprendizaxe Máquina (Machine Learning); ata que punto poden revolucionar este sector asegurador estas novas tecnoloxías disruptivas baseadas na análise, xestión e compresión da información inxente; cales son as claves do tratamento dos datos (goberno e cultura) nas compañías aseguradoras e, finalmente, como artellar ética e transparencia nas decisións do algoritmo en seguros.
Masmovil, grupo no que se integra R, patrocina o congreso Data4Insurance, onde participarán compañías do sector asegurador de primeiro nivel como Santalucía, Verti, Mapfre, Aegon ou Nationale-Netherlanden, entre outras.

PUBLICIDADE